• Inicio
  • Programa IACOBUS
  • Programa

Qué é o programa IACOBUS?

O Programa IACOBUS ten como misión impulsar a cooperación e contribuír á consolidación do ecosistema de coñecemento e innovación da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

É unha iniciativa estratéxica de cooperación académica, científica e tecnolóxica, creada e xestionada pola AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (GNP, AECT), para fomentar a colaboración, o intercambio de coñecemento e a innovación entre universidades, institucións de educación superior e centros tecnolóxicos de ambos os territorios.

Desde a súa creación, o programa consolidouse como unha ferramenta pioneira en Europa que permitiu fortalecer a colaboración transfronteiriza, impulsar a excelencia na investigación e xerar redes de cooperación estables entre os axentes do ecosistema científico e tecnolóxico de Galicia e o Norte de Portugal. Ademais, contribuíu ao avance da I+D+i mediante o desenvolvemento de iniciativas conxuntas, favorecendo á súa vez o intercambio cultural e a xeración de oportunidades de desenvolvemento profesional na eurorrexión.

O Programa IACOBUS está aliñado coas prioridades establecidas no Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (PIC) e coas directrices definidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia–Norte de Portugal (RIS3-T), dous documentos estratéxicos para a Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, e orientados ao fortalecemento da cooperación, a innovación e o desenvolvemento sostible do espazo eurorrexional.

O programa estrutúrase en tres modalidades —IACOBUS Estadías de Investigación, IACOBUS Publicacións Científicas (Papers) e IACOBUS Patentes— coa finalidade de promover a mobilidade investigadora, a difusión científica e a transferencia de coñecemento e innovación, reforzando así o impacto da actividade investigadora.

O IACOBUS Journal é outra das iniciativas do programa, creada co propósito de se afirmar como unha revista científica e plataforma editorial para a difusión do coñecemento e da innovación, que aspira a consolidarse como un referente científico transfronteirizo e internacional.

O Programa IACOBUS conta co apoio da Unión Europea a través da cofinanciación do Programa INTERREG España–Portugal (POCTEP).


  • Inicio
  • Programa IACOBUS
  • Programa